Xunta e Universidade de Santiago (USC) presentaron o proxecto máis ambicioso da historia en favor da lingua propia: ‘Nós’, unha iniciativa para situar o galego xunto coas linguas máis desenvolvidas no ámbito da tecnoloxía da lingua e a Intelixencia Artificial. Trátase dun proxecto impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que farán realidade o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e o ILG (Instituto da Lingua Galega), en colaboración coa AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).
O pasado luns, 23 de maio, a sala de conferencias do Edificio Fontán da Cidade da Cultura acolleu unha “Xornada de Presentación do Proxecto Nós”, un encontro no que se deron a coñecer os detalles desta aposta estratéxica da Xunta de Galicia a persoas e organizacións, públicas e privadas, que tiñan interese en coñecer o proxecto e a súa evolución, ou mesmo en colaborar con Nós.
Nós é un proxecto liderado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a AMTEGA, encomendado á Universidade de Santiago de Compostela, que o executa a través do seu Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e do Instituto da Lingua Galega (ILG), un centro de investigación que acaba de cumprir medio século de vida, investigando en lingüística e filoloxía galegas, así como na tecnoloxía da linguaxe na súa aplicación ao galego.
O obxectivo principal deste proxecto é xerar os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos baseados na tecnoloxía da lingua (como asistentes de voz, tradutores automáticos ou axentes conversacionais), que grazas ao proxecto Nós poderán funcionar tamén en lingua galega. Paralelamente, o proxecto Nós promove tamén a presenza dixital do galego, facilitando a creación dunha ampla variedade de ferramentas e recursos de alta calidade e de uso libre, que estarán á disposición de calquera persoa, institución, organización ou empresa que queira desenvolver un produto tecnolóxico, aplicación ou servizo que incorpore o galego.
Ademais dos líderes do proxecto (Consellería de Cultura, Educación e Universidade, USC e AMTEGA) e o equipo do proxecto Nós, o acto contou tamén coa presenza de Cristina Gallach Figueres, comisionada especial para a Alianza por la Nueva Economía de la Lengua del Gobierno de España, e responsables do desenvolvemento doutros proxectos semellantes nas outras linguas cooficiais do Estado.